Thursday 09 de May de 2024

Á venda as entradas para a banda de rock Swans, este febreiro no Teatro Colón


A Coruña será a única parada en Galicia no marco da súa xira europea, e  unha das únicas tres en España xunto con Madrid e Barcelona

O prezo das entradas oscila entre os 32 e os 26 euros, con descontos do 20% para persoas con Carné Xove, familias numerosas, maiores de 65 ou en situación de desemprego

O Concello puxo á venda as entradas para o concerto da banda de rock Swans, que actuará este próximo mes de febreiro no Teatro Colón. O recinto suma así unha nova cita internacional á súa programación e avanza no obxectivo do Goberno de Inés Rey de consolidar A Coruña como cidade de referencia na programación de grandes xiras.

A banda Swans, de orixe estadounidense, formouna no 1982 o cantante, compositor e multinstrumentista Michael Gira. Nace no marco do movemento ‘No wave’ de Nova York e constitúe unha das únicas representacións do dito movemento en activo. Logo da publicación do seu último disco ‘The Beggar’ (2023), Swans arrinca unha xira europea na que A Coruña será a única parada en Galicia. Ademais, a cidade herculina será tamén unha das únicas tres oportunidades de velos en España na que se suma o Colón ás salas en Madrid e Barcelona.

O concerto terá lugar o 19 de febreiro e as entradas xa se poden mercar na web oficial do grupo, en ataquilla.gal ou no despacho de billetes da praza de Ourense de luns a venres das 11.00 ás 15.00 h e das 16.30 ás 19.30 h. O prezo das entradas oscila entre os 32 e os 26 euros, con descontos do 20% para persoas con Carné Xove, familias numerosas, maiores de 65 ou en situación de desemprego.